Dous son os aspectos nos que Unión de Consumidores de Galicia tiña especial interese en afondar. Un deles era o concernente ao gasto en alimentación das persoas consumidoras galegas. Neste punto recentes publicacións ás que puidemos ter acceso non reflectían datos a nivel de Galicia ademais do feito de que estes eran pouco concretos ou se expresaban en rangos excesivamente amplos. Como se traduciu a crise económica no gasto en alimentación dos fogares galegos? Variaron os seus hábitos de compra como consecuencia desta?
Se os aspectos económicos son importantes, non menos o son aqueles relacionados cos hábitos alimenticios e a súa aproximación aos estándares dunha alimentación sa e equilibrada. Por isto tamén afondamos na frecuencia coa que as galegas e galegos consumen diversos grupos de alimentos.
Por último, analizamos os hábitos de consumo en relación coa compra de determinado tipo de produtos, ben polo seu valor engadido (DOPs ou IXPs, para intolerantes, veganos, etc), ben por seren a aposta de distintos establecementos de alimentación e unha boa forma de acadar maior eficiencia na nosa compra e unha maior calidade (produto fresco, local ou de tempada).
Agradecemos a colaboración de todas as persoas e entidades que nos axudaron na realización deste estudo e en especial a Gadisa e Vegalsa-Eroski.